Sunday 05 de May de 2024

Novas restricións de estacionamento na Avenida de Alxeciras para pavimentar as beiravías da zona en obras


Os traballos de acondicionamento das beirarrúas da Avenida de Alxeciras encaran a súa recta final. Así, a próxima semana arrinca a pavimentación das beiravías afectadas pola actuación. Esta intervención esixirá novas restricións no aparcadoiro no tramo en obras que estarán operativas dende este domingo.

Explican dende o Concello que, co obxectivo de facilitar e axilizar ao máximo o remate do proxecto, dende o domingo e ata a finalización das obras quedará prohibido aparcar en ambas marxes da avenida no tramo comprendido entre a rúa Roseira e o Camiño do Regueiro. De feito, o mesmo luns está previsto que a empresa Construcciones Siber Ordes SL inicie as tarefas para reparar a área da estrada inmediata á zona peonil.

Con esta mellora da capa de rodadura nas beiravías trátase de devolver ao estado no que se atopaba antes das obras o firme da vía, que se veu afectado polo proxecto executado. A intervención completará o proxecto, que permitiu dotar ás beirarrúas da zona dun novo pavimento de baldosa hidráulica, fronte ao anterior de formigón, que presentaba resaltes e obstáculos; ademais da instalación de novas canalizacións para recoller as augas pluviais e a substitución nas tubaxes de fibrocemento da rede de abastecemento.

O Concello de Neda procederá durante esta fin de semana á colocación de vallas de obra e carteis informativos na área de aplicación das restricións.